24 noviembre, 2009

Hortas na cidade dos barrios


Dentro da iniciativa A Cidade dos Barrios, impulsada pola delegación da Coruña do COAG e dirixida polo estudio mmasa, os integrantes do colectivo desescribir diriximos o 4º dos obradoiros no que traballaremos dentro do sector no que se atopan San Cristovo das Viñas, Feáns e Mesoiro. Nesta zona da Coruña o tecido urbano atópase con preexistencias do mundo rural sen que ata o de agora estas dúas realidades puidesen coexistir axeitadamente. Xurde así a reflexión sobre que características do hábitat rural deben de ser mantidas e potenciadas, e que estratexias se deben de xerar para as aproveitar, valorar e integrar dende unha perspectiva de cidade e vida contemporáneas.

Empregarase o mecanismo do proxecto e creación dunha área de hortas urbanas na zona como ferramenta de traballo para a integración, tanto a nivel físico como social e de uso, entre o urbano e o rural.

Esta actividade permitirá revalorizar uns terreos na actualidade abandonados ou sen uso e promove-la protección ambiental e de conservación de valores ecolóxicos, paisaxísticos e culturais. Búscase tamén promove-la creación e mantemento de espazos libres na cidade así como fomenta-la práctica da agricultura ecolóxica. Buscaranse estratexias participativas para a xestión das hortas das que poderán tomar parte tódolos habitantes da cidade interesados. Posibilitarase o desenvolvemento de tarefas educativas, de transmisión de coñecementos, así como a promoción de prácticas de produción para autoconsumo, de consumo responsable e xeitos de vida e alimentación saudable.

Se estás interesad@ contacta con nós en:

hortasnacidade@gmail.com

ou infórmate no blogue:

www.hortasnacidade.wordpress.com

2 comentarios:

Paula dijo...

Pareceme unha idea estupenda! eu tamén quero unha hotiña onde ir botar uns tomates.
Por certo Irene noraboa polo teu galego, quedouche moi ben escrito ji, ji, ji.

Guinguin dijo...

Parabens para Xiao, el foi quen escribiu todo isto...

Xa me gustaría a min escribir así de ben!!!